27.4.05

A quinta estación

Estiven a pensar na morte (outra vez, e van...) xa que este mes de abril, en contra da proverbial alegría vital da primavera resultou moi relacionado co finamento arredor. A perda directa dun ser querido, mortes-espectáculo nos medios, unha ausencia inesperada nunha familia coñecida, o fin dunha demasiado longa agonía noutro núcleo familiar que algo coñezo... Todas diferentes pero unidas polo feito do fin da vida dalgún individuo único. Coido que non me resulta difícil pórme a pensar na morte xa que na nosa cultura ven ser como a quinta estación do ano, algo natural e inevitable, mesmo desexable en ocasións e circunstancias algunhas.
Na miña época universitaria lembro ter feito un traballo (ben cualificado, por certo) sobre “Tótem e tabú” de Freud desde o punto de vista da incomprensión dos seres primitivos ante a morte como elemento condicionante e xerador da superstición e, posteriormente, da relixión. Aínda manteño algúns daqueles postulados na memoria e creo que son vixentes: da morte non sabemos nada e o inventamos todo. Podemos tela asumido, mais non a comprendemos e por iso buscamos “ideas” de continuidade da existencia.
Todos imos morrer, por tanto forma parte do noso proceso natural. A cuestión é se a morte é un proceso tamén ou é a fin dos procesos do individuo, se está dentro ou fóra da nosa existencia. Niso levamos tempo a darlle voltas. Ten a súa importancia. Os procesos naturais do individuo (de todo aquilo que se poida substantivar) son finitos, se a morte é un proceso (como a vida) ten un principio e un final e dalgún xeito o individuo –consciencia, alma, esencia, enerxía ou eco- mantense durante o proceso e ata o final deste para seguir no seguinte proceso. Mais se a morte é a fin dos procesos tamén é –como semella e nada hai que rebata esta afirmación- a fin do individuo. Todo sinala a isto último pero – e aquí ven a dúbida- se a natureza tennos permitido a consciencia como individuos ata un grao tan forte... Qué lle reporta a desaparición desa creación individual?