18.10.05

Escoito e leo os silenzos

Estou atento ao que se di e ao que se escribe, pero sobre todo ao que non se di nin escribe.

5.10.05

ESTOU A MIRAR

17.6.05

Esperanza

Disque a esperanza é o derradeiro en perderse, neste caso non sei como sairán as cousas o vindeiro domingo (e seguintes) pero foi un gustazo estes días de esperanza. Moitos contribuíron a que esto fose así, grazas a todos eles pola súa determinación e afouteza. Sería marabilloso poder celebrar con todos eles o comezo dunha nova etapa sen vellos atrancos. Tampouco son un soñador que crea que todo se arranxaría con un cambio, un novo país ou un movemento, pero será sempre bo que dalgunhas cousas non haxa máis. Se as cousas non saen ben, procurarei manter o sabor destes días de esperanza todo o que poida.

18.5.05

Pacto co demo

Disque é bo ter amigos ata no inferno pero agora si que a temos liada!. Despois de ver noticias como esta xa non sei onde colocarme. Incluso dei en pensar se non sería bo todo isto do canon que preconiza Jaureguizar. Nestes tempos un xa non sabe onde vive a verdade, e nin ela mesma sábeo tampouco. Se estes están contra contra o canon ao mellor é que é cousa boa. Ou poida que non todo o que ven da diestra do pai sexa malo. Admito confusión.

11.5.05

In memorian

José Luis Veiga Infante pensou máis nos outros que en si mesmo. A súa morte non foi van, ademais de que deu con xenerosidade a vida levado pola preocupación nos outros, ao velo caer a el outros non entraron."José Luis Veiga Infante, fue la cuarta víctima. Su muerte se produjo, según relata un compañero de otra subcontrata, al intentar ayudar a los caídos. Al grito de «hay que echarles una mano» se lanzó dentro del tanque. No llevaba equipo de protección. Cayó fulminado por el gas. El que iba detrás y no entró el primero de milagro, retrocedió, espantado." Non debeu ocorrer. Morreron catro, Veiga Infante incluído. Aínda hai heroes. Aínda hai vítimas.

9.5.05

Catro máis ou catro menos?

Agora que andamos en período preelectoral e que tantas voces xa están a anunciar unha situación depresiva desmobilizadora teño que dicir que en realidade, aínda que desde o meu punto de vista non hai unha proposta política que pague a pena para Galiza é necesario votar. E é necesario por dúas razóns: porque o feito de ter votado dá autoridade moral (aínda que sexa voto en branco) para protestar despois; e porque saia quen saia non vai poder desfacer máis Galiza en catro anos do que xa o fixeron os anteriores nos 16 anos que levan. Quero dicir con isto que, obviando que a Lei d’Hont é unha mal argallada regra que só busca a perpetuación do poder existente e promove o absurdo bipartidismo excluínte das pequenas formacións, calquera das dúas alternativas ao que hai parécenme válidas para darlle o apoio e non penso criticar a ninguén que opte por algunha delas, alomenos nestas eleccións, dentro de catro anos haberá que retomar a cuestión. No mal que se faga de aquí alá non nos vai a vida tanto como xa nos foi no que se leva feito.

27.4.05

A quinta estación

Estiven a pensar na morte (outra vez, e van...) xa que este mes de abril, en contra da proverbial alegría vital da primavera resultou moi relacionado co finamento arredor. A perda directa dun ser querido, mortes-espectáculo nos medios, unha ausencia inesperada nunha familia coñecida, o fin dunha demasiado longa agonía noutro núcleo familiar que algo coñezo... Todas diferentes pero unidas polo feito do fin da vida dalgún individuo único. Coido que non me resulta difícil pórme a pensar na morte xa que na nosa cultura ven ser como a quinta estación do ano, algo natural e inevitable, mesmo desexable en ocasións e circunstancias algunhas.
Na miña época universitaria lembro ter feito un traballo (ben cualificado, por certo) sobre “Tótem e tabú” de Freud desde o punto de vista da incomprensión dos seres primitivos ante a morte como elemento condicionante e xerador da superstición e, posteriormente, da relixión. Aínda manteño algúns daqueles postulados na memoria e creo que son vixentes: da morte non sabemos nada e o inventamos todo. Podemos tela asumido, mais non a comprendemos e por iso buscamos “ideas” de continuidade da existencia.
Todos imos morrer, por tanto forma parte do noso proceso natural. A cuestión é se a morte é un proceso tamén ou é a fin dos procesos do individuo, se está dentro ou fóra da nosa existencia. Niso levamos tempo a darlle voltas. Ten a súa importancia. Os procesos naturais do individuo (de todo aquilo que se poida substantivar) son finitos, se a morte é un proceso (como a vida) ten un principio e un final e dalgún xeito o individuo –consciencia, alma, esencia, enerxía ou eco- mantense durante o proceso e ata o final deste para seguir no seguinte proceso. Mais se a morte é a fin dos procesos tamén é –como semella e nada hai que rebata esta afirmación- a fin do individuo. Todo sinala a isto último pero – e aquí ven a dúbida- se a natureza tennos permitido a consciencia como individuos ata un grao tan forte... Qué lle reporta a desaparición desa creación individual?