27.4.05

A quinta estación

Estiven a pensar na morte (outra vez, e van...) xa que este mes de abril, en contra da proverbial alegría vital da primavera resultou moi relacionado co finamento arredor. A perda directa dun ser querido, mortes-espectáculo nos medios, unha ausencia inesperada nunha familia coñecida, o fin dunha demasiado longa agonía noutro núcleo familiar que algo coñezo... Todas diferentes pero unidas polo feito do fin da vida dalgún individuo único. Coido que non me resulta difícil pórme a pensar na morte xa que na nosa cultura ven ser como a quinta estación do ano, algo natural e inevitable, mesmo desexable en ocasións e circunstancias algunhas.
Na miña época universitaria lembro ter feito un traballo (ben cualificado, por certo) sobre “Tótem e tabú” de Freud desde o punto de vista da incomprensión dos seres primitivos ante a morte como elemento condicionante e xerador da superstición e, posteriormente, da relixión. Aínda manteño algúns daqueles postulados na memoria e creo que son vixentes: da morte non sabemos nada e o inventamos todo. Podemos tela asumido, mais non a comprendemos e por iso buscamos “ideas” de continuidade da existencia.
Todos imos morrer, por tanto forma parte do noso proceso natural. A cuestión é se a morte é un proceso tamén ou é a fin dos procesos do individuo, se está dentro ou fóra da nosa existencia. Niso levamos tempo a darlle voltas. Ten a súa importancia. Os procesos naturais do individuo (de todo aquilo que se poida substantivar) son finitos, se a morte é un proceso (como a vida) ten un principio e un final e dalgún xeito o individuo –consciencia, alma, esencia, enerxía ou eco- mantense durante o proceso e ata o final deste para seguir no seguinte proceso. Mais se a morte é a fin dos procesos tamén é –como semella e nada hai que rebata esta afirmación- a fin do individuo. Todo sinala a isto último pero – e aquí ven a dúbida- se a natureza tennos permitido a consciencia como individuos ata un grao tan forte... Qué lle reporta a desaparición desa creación individual?

20.4.05

Afastamento

Por cuestións que non veñen ao caso hai tempo que non frecuento cines ou teatros nin salas de concertos. Tamén hai tempo que non vou a presentacións de libros nin exposicións, en definitiva: levo meses desconectado da faciana social da vida cultural. O resultado é un achegamento máis individual á cultura en vez de facelo en compaña de outros. Vexo o cine na casa, escoito música tamén na casa ou no coche ou a través dun reprodutor individual. A arte véxoa nos libros ou na pantalla da computadora. A literatura, que dicir da literatura, leva tempo sen ser comentada con ninguén pola miña ausencia nas principais reunións e tertulias.
Polo tanto as miñas opinións quedan comigo, vivindo felices sen máis movemento que algunha actualización automática pola miña parte ao darlle voltas ao que xa sei aguilloado por novas percepcións.
O ser humano é un ser social pero a arte e a cultura son feitos de gran individualidade creativa. Pese á rapidez e vertixe dos tempos achegarse ás creacións culturais desde a nudez da soidade, confrontarse con elas individualmente e con tempo para súa degustación e pouso, é unha actitude que reporta grandes beneficios ao espírito e aporta transparencia ao feito sempre subxectivo da valoración. Alén diso, se non hai máis remedio que facelo así sempre haberá que buscarlle a parte boa. Ou?
Por certo, pódese vivir sen todo iso.

15.4.05

O cantante da triste figura


Poeta que supera a análise xeracional, artista sen ego, desprovisto de vaidade e carente de impostura intelectual. Penso que Antonio Vega é un dos poucos creadores que coñezo que fan certo iso de só falar con aquelo que crea: a música. A súa timidez e ausencia de afán protagonista deixando ás súas cancións existir como auténtico centro do feito artístico fan del un exemplo de sinceridade. Musicalmente poderá gustar máis ou menos - a Chica de ayer é so unha mostra máis, demasiado ensalzada, do seu magnífico traballo- pero sigue a súa coherencia e a súa poética. Recomendo vivamente a súa música e ler as súas letras con atención. (É o meu andar discreto e indiscreta é a miña agonía -Palabras-; Abre ben os ollos é hora de aprender: ti es o fecho e ti es a chave tamén - Vapor-). Volve Antonio Vega a pasar ante nós e sabe que o importante non é el senon o que fai.

12.4.05

Nano (2000-2005), amado príncipe dos cans

Now cracks a noble heart. Good night sweet prince:
And flights of angels sing thee to thy rest!

7.4.05

Cultura sen máis

6.4.05

Morreu o Papa

1.4.05

Obviedades

Di o pequeno Goebbels que " la Cidade da Cultura ya está generando riqueza en la actualidad". Que llo digan a el e aos seus moitos amigos ! Están empeñados en vendernos cemento como cultura e aínda hai quen traga.