29.3.05

Historias da radio

Ao principio estaba a radio. Non había rede entón que poder usar para romper a distancia e chegar a sentir unha certa comuñón xeracional e de gustos e intereses. Tiñamos a música, unha música que chegaba inundándoo todo dun xeito diferente de entender o mundo. E daquela había aí xente como Luqui, Pepe Domingo, Quintero, Ordovás, Ángel Álvarez e outros moitos que facían o seu traballo con máis entusiasmo e creatividade que medios. Non foi hai tanto tempo que non é Cuentame, falo do final dos 70 e dos 80. Tamén é de destacar a forza e ganas de moitos locutores locais que facían auténticos programas de encontro nas súas franxas horarias “de recheo” (á saúde daqueles amigos de Radio Pontevedra que tan boas noites me fixeron pasar). Ás veces, (as menos) collías o teléfono e marcabas aquel número que o locutor repetía, saías ao aire da súa man e nunca dicías o que tiñas pensado dicir, acababas parecendo tan parvo como os demais que chamaban.

Certo é que naquelas tardes de sábado e mañás de domingo cos 40 Principais –daquela un programa máis da SER- e o Gran Musical – que nalgunha discoteca galega chegou a celebrarse- a boa música non sempre era a que máis soaba. Ademais dalgunhas honrosas excepcións en grupos españois e obviando aos cantantes xuvenís carne de Super Pop, viviamos invadidos por melódicos italianos, algún que outro melódico francés, e uns cantos grupos ingleses e americanos –entre os que estaban algúns moi bos, xa que a época era boa nese sentido. Pero alén da calidade musical estaba o feito xeracional de ter un sitio propio, aínda que fora no aire, onde eras escoitado e tido en conta, onde aparecía xente coma ti e o onde alguén falaba directamente para ti.

Despois, coa idade e coa creación dun círculo de xente afín, xa pasas a usar a radio como un instrumento de cultura e información e afástaste daquela sensación anterior de comunidade que agora podes chegar a ter na rede nalgúns casos. Non podo deixar de estar agradecido a xente como Luqui que tan bos ratos me fixo pasar ás veces no medio dalgunha longa soidade de incomprensión. Adeus, adeus, Luqui.

25.3.05

Son catro días

Ter uns días para acabar cousas inacabadas. Libros, arranxos, algo de tranquilidade, ver películas. Lonxe xa aquelas inacabábeis semanas santas de viaxe na que catro días cundían como catorce. Agora fago o que deixei de facer cando estaba viaxando. É outro ciclo, dacordo cun concepto circular do universo e da vida. Poida que volva ao anterior nalgún momento, en todo caso será diferente, en todo caso agora non estou moi preocupado por iso.

17.3.05

Uns máquinas

Son do que non hai. Vintecinco anos despois seguen aí dándolle sentido ao seu discurso ininterrompido. Os coches seguen sen voar, non imos de vacacións a Marte e as tostadoras aínda non saben dar os bos días pero eles seguen a confiar na máquina. Poden gustar ou non gustar pero non hai dúbida de que son coherentes. Son ciencia ficción musical.